Noia modificará o IBI para bonificar ás familias numerosas

Domingo, 25 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Casa do Concello

O Goberno de Noia impulsa a modificación da ordenanza fiscal do IBI cunha bonificación para as familias numerosas.

José Manuel Lage Tuñas, concelleiro de Facenda do Goberno noiés, explica que “a proposta forma parte da política social que queremos desenvolver para apoiar ás familias e ás persoas que máis o necesitan. Utilizaremos criterios de renda para aplicar a bonificación”.

O executivo que dirixe o socialista, Miguel Paz, tramitará a proposta diante do pleno da corporación na súa reunión ordinaria do xoves 5 de novembro.

José Manuel Lage Tuñas, Concelleiro-Delegado de Facenda e portavoz do goberno local explicou hoxe que “propoñemos unha bonificación para as familias numerosas de Noia no Imposto de Bens Inmóbeis de ata o 90% en dito imposto”.

“Esta bonificación aplicarase seguindo criterios de renda, rebaixando así a presión fiscal sobre as familias con máis cargas e que teñen unha situación económica máis difícil” relata o concelleiro de Facenda.

“A bonificación inclúe criterios de renda e tamén criterios patrimoniais, polo que para acceder á mesma a suma dos valores catastrais de tódolos bens inmobles no termo municipal de Noia, dos que sexan suxeitos pasivos o titular da familia numerosa ou algún dos membros desta, non poderá exceder a cuantía 100.000 €” explica José Manuel Lage Tuñas.

O trámite que seguirá o executivo noiés será en primeiro lugar someter á comisión de Facenda este xoves a proposta de modificación da ordenanza fiscal do IBI. “Agardamos que sexa ben vista a proposta por parte dos grupos políticos da oposición e apoien esta medida que ten como obxectivo axudar a quen máis o precisa”.

 A proposta que formula o concelleiro de Facenda para modificar o IBI di o seguinte:

1. Os suxeitos pasivos que ostente a condición de titulares de familia numerosa gozarán dunha bonificación do 90% na cota íntegra do inmoble de uso residencial que constitúa a súa residencia habitual, e na que estañan empadroados os membros da unidade familiar, sempre que se cumpran ademais os seguintes requisitos:

a. Que a suma dos suma dos valores catastrais de tódolos bens inmobles no termo municipal de Noia, dos que sexan suxeitos pasivos o titular da familia numerosa ou algún dos membros desta, non exceda de 100.000 €.

b. Que os ingresos brutos da unidade familiar, tendo en conta o número de membros desta, non exceda dos seguintes límites:

Nº membros unidade familiar Importe máximo ingresos brutos

3 20.000
4 30.000
5 35.000
6 39.000
7 42.000
8 44.000
9 ou máis  45.000

 

 

 

 

 

 

Os suxeitos pasivos que, cumprindo cos requisitos establecidos no apartado anterior , pretendan gozar da bonificación, deberán presentar a correspondente solicitude, antes do 31 de marzo do ano correspondente ó período impositivo no que pretendan que produza efectos. Xuntamente co escrito deberá achegarse a seguinte documentación:

  • Copia compulsada do título de familia numerosa expedido polo órgano competente
  • Certificado de empadroamento do titular da familia numerosa, referida a situación existente a 31 de decembro do ano inmediato anterior, no que conste os membros da unidade familiar que conviven no inmoble para o que se solicita a bonificación.
  • Copia compulsada das derradeiras declaracións do imposto sobre a renda das persoas físicas presentadas polo titular da familia numerosa e, no seu caso, por cada un dos membros da unidade familiar que obteña rendas suxeitas o referido imposto. No caso de non estar obrigados a presentar declaración da renda, aportarán certificado no que conste que non se ten presentado esta, e nóminas, certificados de retención ou calquera outro documento que serva para a determinación dos ingresos brutos.

A bonificación concedida só producirá efectos para o período impositivo no que se insta a súa concesión, debendo solicitar a súa prórroga nos seguintes períodos impositivos, aportando de novo a documentación que acredite que se seguen a cumprilos requisitos para o seu goce.

Comunicacións.
Concello de Noia.