Hostaleria
Hostelería
en Noia
Noia e a súa Gastronomía
En Noia, vila costeira, peixes e mariscos ocupan os primeiros pratos solicitados polos turistas nos diversos xeitos en que se preparan: en caldeirada, fritos, á grella ou ao forno. Pero as grandes referencias gastronómicas son a empanada, o berberecho e a ameixa.
En xeral en Noia hai restaurantes familiares de comida caseira cunha boa relación calidade/prezo.
A comida vai depender do período do ano, pero hai determinadas épocas de preparación de pratos de tempada: lacón con grelos no Entroido, e acompañados de filloas e orellas.
Por abril a lamprea do Tambre era moi típica; séguese preparando pero provén doutros lugares; no verán por san Xoán: sardiña asada ou frita, xouba ou xurelo con cachelos (patacas e non pode faltar o pan de boroa (de millo).
Os doces típicos son a rosca ou o "ripote" ou "periquito".
Tamén galletas de ovo, amendoados e coca de dedos e a coca de rinchóns.
Berberechos e Ameixas
Noia é o principal produtor de berberecho e ameixa do Estado. Chegou a recollerse un terzo da produción estatal de berberecho, e a ameixa de Noia é a máis valorada do mundo chegando a superar en lonxa os 120 euros o quilo.
Dedícase principalmente á exportación polo que é difícil que o de calidade superior chegue ao mercado noiés, pero o berberecho pódese atopar en empanada de millo ou ao vapor. A ameixa pódese tomar á mariñeira, á prancha ou ao natural.
A Terra da Empanada
Noia é a terra da empanada, recollido xa nos textos de Cunqueiro. A de trigo ten a singularidade que ao facerse máis gorda do habitual dáselle a volta no forno, para que se faga polos dous lados.
Tamén ten moita importancia a empanada de millo ata o punto que hai unha especialidade única que leva o nome da Vila: A empanada de Noia, empanada de millo con berberechos.