A Xunta licitará antes de finais de ano as obras de mellora da depuradora de augas residuais de Noia

Mércores, 26 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, visitaron hoxe as recén iniciadas obras da nova glorieta no cruce da Barquiña e acondicionamento da travesía na AC-550, onde avanzaron que a Xunta licitará antes de finais de ano as obras de mellora da depuradora de augas residuais de Noia. 

Os orzamentos da Xunta para 2023 recollen unha partida de case 2  millóns de euros para avanzar na reforma desa infraestructura, ademais dun investimento plurianual de 1,3 millóns de euros para mellorar o abastecemento.

Na súa visita de hoxe para supervisar as obras, iniciadas hai só uns días, da nova glorieta no cruce da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia, o alcalde, Santiago Freire quixo “agradecer á Xunta que aposte e que invista, unha vez máis, no noso municipio con esta actuación tan importante que garante a calidade das augas da ría”.

“Este novo acordo demostra que o goberno local de Noia está comprometido e centrado na renovación das infraestruturas do municipio, que permiten mellorar os servizos e por tanto a calidade de vida da nosa veciñanza”, destacou o rexedor.

Nova glorieta no cruce da Barquiña e acondicionamento da travesía da AC-550

A comezos do verán do vindeiro ano os veciños e veciñas de Noia terán á súa disposición a nova glorieta no cruce da Barquiña, beirarrúas renovadas e un itinerario peonil accesible por unha das marxes da travesía de Noia.

Estas obras, que contan cun prazo de execución de 10 meses, servirán para reforzar a seguridade viaria e a favorecerán a mobilidade da veciñanza deste municipio, coa construción dunha glorieta na citada intersección, que leva aparellada o acondicionamento da travesía da AC-550 nun treito de 1,3 km, ata a alameda de Noia.

Con estes traballos vaise ordenar e mellorar a seguridade viaria do cruce, mediante a construción dunha rotonda de 13 metros de radio. Será unha nova glorieta cun trazado moi ben definido, axustado ao espazo dispoñible na contorna, con numerosas vivendas.

Así mesmo, na intervención renovaranse as beirarrúas, desde a nova glorieta ata a alameda, no marco da reorganización da sección transversal da estrada e completaranse os traballos coa instalación de sinalización horizontal e vertical e balizamento.

“Esta nova rotonda favorecerá a fluidez de tráfico onde hai un supermercado que xera moito movemento de vehículos. Ademais, farase unha redistribución do ancho da estrada, para habilitar un itinerario peonil accesible nunha das marxes”, engadiu Freire durante a visita.