O alcalde de Noia, Santiago Freire, acompañado por membros do goberno local, mantivo unha reunión coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.
O obxectivo do encontro foi abordar e tratar diversos temas que afectan ao concello noies; entre eles as xa iniciadas actuacións no porto de Testal que inclúen melloras nos pantaláns, nos amarres e a corrección de deficiencias e danos. Esta actuación destinada á conservación e mantemento das instalacións do porto supoñerá un investimento de 60.000€.
Así mesmo, durante o encontro abordáronse outros asuntos como son os traballos que levarán a cabo para a tan ansiada e esperada rexeneración da ría de Noia. Esas actuacións estarán encamiñadas a eliminar os lodos e fangos na zona pertencente a Portos de Galicia. A retirada destes lodos e fangos farase tendo a máxima cautela coas barreiras anticontaminación. A dragaxe e a mellora desta zona contará cun investimento de 300.000€ por parte do ente autonómico.
Paralelamente tamén se abordaron as autorizacións necesarias para as fases posteriores.
En palabras do propio Freire: "a reunión foi moi satisfactoria. A conselleira mostrou o seu compromiso total con Noia xa que cualificou estas actuacións como unha prioridade absoluta. O que posibilitará ver como nos próximos meses darán inicio as actuacións de dragaxe da ría e esta actuación tan ansiada e demandada convértese nunha realidade".
As obras de rexeneración da ría de Noia comezarán nos próximos meses
Domingo, 29 de maio de 2016
Fonte:
Gabinete de Prensa