Noia aposta polo deporte local a través das obras de rehabilitación e mellora do pavillón polideportivo municipal Agustín Morís, unha intervención que entra na súa recta final para que pronto o complexo deportivo poda abrir de novo as súas portas.
Con esta importante actuación, incrementouse a superficie sobre os vestiarios cunha renovación que permite un mellor aproveitamento do espazo e ampliación da grada, aumentando o aforo do recinto.
Paralelamente, con esta ampliación conseguíronse crear novas zonas para o ximnasio, sala de prensa e palco de autoridades, conformando un complexo deportivo de nivel acorde coas disciplinas deportivas e competicións que se desenvolven nas instalacións.
Ademais, o compendio de obras recollen melloras na accesibilidade ao recinto, así como a instalación de portas de evacuación e a ampliación do recibidor de entrada.
Tras comprobar o avance das obras, o alcalde de Noia, Santiago Freire, destacou “a aposta en firme que este goberno local está a facer polo deporte e polos deportistas de municipio, mellorando as infraestruturas para que poidan contar con equipamentos de primeiro nivel. Esperemos que este recinto abra moi pronto as súas portas e sexa un lugar de encontro e desfrute do deporte na nosa vila”. O primeiro edil recordou que as obras son fruto da colaboración entre administracións, neste caso a Xunta, que aporta unha parte de financiación a través da Secretaría Xeral para o Deporte.