O primeiro Campionato Galego de Ultramaratón terá lugar en Noia o próximo 4 de xuño

Luns, 23 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O concelleiro de Deportes, Ramón Santos, acompañado de Antonio Toribio, organizador da proba "Gran Ruta Celta" e de Juan Carlos Muñiz, presidente da federación galega de ciclismo, presentaron na Casa da Cultura de Noia o Campionato Galego de Ultramaratón que se disputará en Noia o próximo día 4 de xuño.
Segundo destacou o organizador da proba, Antonio Toribio, esta será a segunda edición do evento de BTT de Gran Fondo e o que perseguen dende a organización é que a ruta se vaia afianzando e co tempo logre converterse nunha ruta de referencia en Galicia. Ademais buscan atraer a ciclistas de ultramaratón de toda España, feito que fará que a ruta conte cunha proxección nacional.
A proba disputarase por primeira vez este ano como Campionato Galego de Ultramaratón e poderá realizarse en 3 disciplinas: Ultramaratón (180 km), Maratón (100 km) e Popular (50 km). Os organizadores non consideran que sexa unha ruta complicada tecnicamente. O terreo no que se disputará a proba é o "terreo clásico galego". Ademais os participantes poderán gozar dunhas fantásticas vistas e paisaxes xa que atravesarán toda a Sierra do Barbanza e poderán contemplar a Ría de Noia e a Ría de Arousa.
Dende a organización esperan que no evento deportivo participen 300 persoas, a día de hoxe contan con 170 inscritos de toda a xeografía española.
Pola súa banda, o Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, quixo destacar que se tata dun evento no que perseguen reflectir o espírito da zona e da súa beleza paisaxística. Ademais esta proba permite lanzar a imaxe turística da zona.
Así mesmo, o concelleiro de deportes, Ramón Santos, fixo fincapé na importancia da proba para o municipio xa que "esta proba poñerá a Noia no mapa nacional e para nós é un verdadeiro pracer poder acoller a participantes de índole nacional". Tamén quixo expresar a disposición que hai dende o Concello de Noia para colaborar e axudar en todo o que sexa posible para que esta proba consiga converterse nun referente no calendario e sexa un verdadeiro éxito.