O executivo noies recuperará o Miradoiro de San Lois

Martes, 12 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Noia, Santiago Freire, xunto coa concelleira de parques e xardíns, Mariola López, visitaron o Parque Miradoiro de San Lois o cal ofrece unhas vistas inmellorables á Ría de Noia.
Durante a súa visita o edil aproveitou para dar unha serie de instrucións para acondicionar a zona e repoñer o mobiliario danado. "Non pode ser que unha das zonas con maior potencial turístico de Noia teña bancos neste estado. Imos encargar de repoñer varandas e bancos co obxectivo de recuperar este lugar".
Doutra banda, no mesmo lugar, levarán a cabo actuacións inmediatas de desbroce e acondicionamento.
Todas estas actuacións están previstas no Plan de Aforro de Investimentos (PAI) da Deputación por un valor de 30.000€.
A visita in situ que realizou Freire levoulle a tomar a decisión de que ditas melloras son moi necesarias e que hai que acometer as actuacións nos próximos días para que os veciños poidan facer uso deste espazo.
Ademais, está previsto que se manteña un encontro dende o Concello cos propietarios das leiras para falar sobre a posibilidade de tallar algunhas das árbores que limitan e impiden a visibilidade neste enclave paisaxístico tan único. A idea principal é que nos próximos días leven a cabo todas as actuacións máis inmediatas para poder usar o miradoiro e o parque.
Paralelamente está a traballarse noutra localización, en Santa Cristina de Barro. Alí estase levando a cabo un desbroce para eliminar toda a maleza e matogueiras que impiden contemplar desde unha contorna privilexiada a ría e a ponte de Noia. O que se busca é poder acondicionar a chaira e estase valorando dende o consistorio, a posibilidade de dotar a esta parroquia dun local social.
Por outra banda, e non menos importante, dende o Concello están a rehabilitar e mellorar o parque infantil de Labarta coa instalación dunha lousa anti impactos para acondicionar o devandito espazo de xogos para os máis pequenos. Ademais, instalaranse randeeiras.
O executivo propúxose recuperar todos e cada un das contornas degradadas, xa sexan parques urbanos, periurbanos ou infantís, para ofrecer a todos os noieses un bo aspecto de conservación e mantemento adecuado dos espazos públicos.