
O Concello de Noia anunciou a súa cabalgata de Reis, a cal chegará o vindeiro xoves, 5 de xaneiro, a todas as parroquias do municipio, así como ao asilo e á residencia.
A presentación da popular actividade tivo lugar esta mañá na casa consistorial e contou coa participación da concelleira de Deportes e Xuventude, Laura Salgado.
A visita das Súas Maxestades polas parroquias dará comezo ás 10.00 horas en Roo e desenvolverase a través da seguinte programación:
- Roo: 10.00 h.
- Ponte Nafonso 10.30 h.
- Orro 11.00 h.
- A Barquiña 11.30 h.
- Barro 11.50 h.
- Obre 12.30 h.
- Boa 13.00 h. (con parada en Argalo ás 13.15 h.)
- Ponte San Francisco 13.30 h.
Ademais, tamén se inclúe unha visita ao asilo e residencia para que as persoas usuarias destes centros poidan compartir un momento de proximidade cos Reis.
Pola súa parte, o percorrido polo núcleo urbano de Noia dará comezo ás 18.00 horas coa saída da comitiva Real desde o campo de fútbol de San Lázaro, pasando posteriormente por República Argentina e Carreiriña, ata dar remate na Alameda.
Finalmente, haberá unha recepción no claustro do Concello, onde a rapazada poderá compartir coas Súas Maxestades os seus desexos de última hora.
Por motivos de seguridade non haberá lanzamento de caramelos, polo que cada entregarán paquetes individuais de lambonadas a cada neno e nena nos lugares de recepción de cada parroquia e no concello.
Desde o goberno local convidan a que toda a veciñanza “participe nunha xornada na que a protagonista é a ilusión” e reafirman o seu compromiso por “achegar a todas as cativas e cativos do noso municipio a pasar un anaco de ledicia cos Reis Magos”.