Noia dinamiza o seu comercio a través dunha nova edición do ‘Sábado negro’ con descontos nos establecementos locais

Venres, 11 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Noia colabora na promoción do comercio local a través da que será a décimo segunda edición do ‘Sábado Negro’ no que participarán máis de 30 establecementos do municipio.

A iniciativa foi presentada esta mañá nun acto no que participou a edil de Comercio, Laura Salgado, acompañada por representantes de Noia Histórica, entidade organizadora

Os locais adscritos na presente edición da iniciativa ofrecerán todos os seus produtos cun 20% de desconto e modificarán o seu horario habitual mantendo as súas portas abertas á clientela ata as 21.30 horas.

Asemade deste 20% de desconto, os consumidores poderán facer emprego dos Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia para obter unha rebaixa maior no importe das súas compras.

Ademais, a xornada contará con música e animación polas rúas e con cada compra, a persoa consumidora recibirá un vale canxeable por un chocolate na chocolatada que terá lugar no Curro a partir das 18.00 horas.

A concelleira de Comercio, Laura Salgado, sinala que a través desta iniciativa “buscamos apoiar ao noso tecido comercial ao mesmo tempo que ofrecer unha xornada de lecer para a nosa veciñanza”.