Inícianse as obras na Alameda de Noia e nos xardíns Felipe de Castro

Venres, 20 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Xa comezaron as obras na Alameda de Noia co obxectivo de recuperar o pavimento da mesma. As obras consisten nunha serie de actuacións orientadas a recuperar un pavimento que se atopaba en moi mal estado -moita da plaqueta que cobre a superficie da Alameda foise despegando co paso do tempo- como consecuencia do tránsito de vehículos.
O que se pretende levar a cabo é unha actuación máis ambiciosa en todo o conxunto da Alameda e dos Xardíns Felipe de Castro.
A actuación actual consiste en recuperar o pavimento, pero dende o Concello entendemos que a Alameda e a súa contorna son un dos elementos de referencia da Vila, xa que son un elemento patrimonial que supoñen un atractivo turístico pola súa singularidade. Por todo iso, preténdese actuar tamén nos xardíns Felipe de Castro con actuacións que leven a mellora dos bancos, dos cerramentos de pedra, instalación dun novo chan de pedra dentro dos propios xardíns. Ao mesmo tempo, tamén se executará unha actuación que consiga mellorar o aspecto paisaxístico e dos xardíns, tendo especial interese e coidado o aspecto estético do mesmo.
Nestes últimos días xa se comezaron a plantar distintas flores de tempada para mellorar o aspecto visual. Aínda así, isto non é máis que unha primeira fase nas actuacións, xa que queremos conseguir que os xardíns Felipe de Castro convértanse nun ben de interese turístico para Noia.
Por tanto, coas actuacións previstas na Alameda, na recuperación de farois e bancos danados que están distribuídos ao longo da mesma, e as melloras nos xardíns Felipe de Castro, en palabras do alcalde Santiago Freire: "pretendemos converter esta zona de Noia nun referente paisaxístico, visual e turístico. Todas estas obras supoñerán un antes e un despois, unha mellora estética significativa e sobre todo tendo presente que no contorno tamén existen unha serie de establecementos que se beneficiarán dá afluencia de visitantes e do turismo que visite o contorno do concello, a Alameda e os xardíns Felipe de Castro".
Todas as actuacións de pavimentación están incluídas dentro do Plan de Aforro e Investimento e supoñerán un investimento de 230.000€. As actuacións para levar a cabo nos xardíns Felipe de Castro e na súa contorna terán un custo ao rededor de 60.000€. Estas obras que se desenvolverán nos próximos meses está previsto que estean rematadas antes das festas patronais de San Bartolomeu.