A feira de San Marcos preséntase con varias novidades

Mércores, 13 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Santiago Freire, alcalde de Noia, acompañado polo concelleiro de festexos Pepe Pérez, e por Xacobe Pérez, presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer a programación das festas de San Marcos 2016.
Freire destacou que son moitas as actividades expostas para eses días e que dende o Concello esperan unha gran asistencia de público en Noia. "Esta é unha das feiras máis importante a nivel autonómico e estamos seguros que a deste ano será un verdadeiro éxito tanto en afluencia de público como na programación coa que esperamos dar un empuxe á hostalería noiesa".
Pola súa banda, o presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez, destacou a importancia que ten a feira de Noia a nivel galego. A feira organiza ano tras ano un concurso cabalar moi importante con distintas categorías e modalidades enfocado a todo tipo de públicos. As exhibicións que poderán ver este ano tanto veciños como visitantes están organizadas pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego e pola compañía burgalesa, Hermanos Borja.
O día grande destas festas será o 25 de abril, día no que se celebrará unha proba puntuable para a Copa Galicia de Pura Raza Galega, a cal se desenvolve dentro do calendario autonómico.
Ademais, ese mesmo día haberá concursos puntuables de cabalos cruzadas aos que poderán ter acceso calquera persoa a condición de que os cabalos que presenten a concurso teñan máis de tres anos.
Este ano habilitaranse dúas pistas, unha A e outra B, para que poidan celebrarse paralelamente varios concursos. Con isto, o que se pretende é que haxa un maior número de cabalos en concurso e haxa unha maior asistencia de público.
Como gran novidade a nivel autonómico, Noia acollerá o primeiro concurso autonómico morfológico de ponis. Segundo explicou Xacobe Pérez "é unha modalidade que ninguén parou ata agora en pensar en esos pequenos e simpáticos cabalos".
Así mesmo, esta nova modalidade serve para que os mozos e mozas que comezan a criar estas razas teñan o seu espazo.
En canto aos premios, dende o Concello repartiranse 4.000€, o que sitúa a este e as súas competicións na elite das feiras cabalares de toda Galicia.
Todas as bases dos concursos están recollidas na información publicada nas distintas redes sociais.
Por primeira vez, Noia acollerá o primeiro concurso autonómico morfológico de Ponis. Dende o Concello esperan unha gran afluencia de público.
Pola súa banda, o concelleiro Pepe Pérez, destacou a necesidade de revitalizar a hostalería noiesa e como esperan que durante estas festas grazas á programación na que contan, entre outras, coas dúas mellores orquestras galegas como son Paris de Noia e Panorama e o concerto do grupo Seguridade Social, tradúzase nunha chamada ao lecer.

Multimedia