Beatriz Mato anuncia importantes investimentos para Noia

Luns, 18 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Noia, Santiago Freire, mantivo unha reunión de traballo xunto á Conselleira de Medio e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, co obxectivo de tratar varios asuntos que incumben ao municipio con esta administración pública.
Freire explicou que no encontro abordaron dous asuntos de verdadeira actualidade e interese para a vila de Noia. En primeiro lugar, falaron da imperiosa necesidade de buscar unha solución ao problema de abastecemento da auga que ten o Concello; problema derivado dos episodios de turbidez que veñen dando e repetindo no tempo nos momentos de crecida do río San Xusto e que afectan á rede de abastecemento da auga así como á óptima calidade desta.
Así pois, dende o Concello o que se expuxo á Conselleira foi a necesidade de facer un diagnóstico para mellorar a rede de abastecemento e contemplar a posibilidade de duplicar a capacidade de almacenamento da auga mediante un novo depósito que permita o abastecemento en condicións idóneas aos veciños. Ademais, con esta actuación, o que se conseguiría é que cando se produzan eses episodios de turbidez, o Concello teña a capacidade de ofrecer auga en perfecto estado durante 48 horas e así poder corrixir as deficiencias.
En segundo lugar, o alcalde, Santiago Freire, tamén encargouse de transmitir a necesidade de mellora das instalacións na rede de potabilización.
Doutra banda, tamén se expuxo a necesidade de ir actuando paulatinamente na rexeneración e mellora da fachada marítima. Actuación que estará coordinada coa Consellería do Mar e outras administracións públicas.
Pola súa banda, a Conselleira quixo recalcar a necesidade de colaboración entre as distintas administracións para poder sacar todos estes proxectos tan necesarios para Noia. Ademais, quixo deixar claro que dende a Consellería entenden que este é un proxecto verdadeiramente prioritario e por iso comprométense dende a Xunta de Galicia á inmediatez na redacción do devandito proxecto e despois no compromiso dos investimentos o máis pronto posible, xa que "este proxecto é unha realidade" e queren licitalo canto antes para que leve a cabo antes de que finalice este mesmo ano.